Para levar a cabo os nosos fins, a asociación organiza diversos espazos e actividades: encontros periódicos, espazos de auto-formación e supervisión, elaboración e desenvolvemento de proxectos, creación de grupos de traballo, de estudo, reflexión e investigación e finalmente colaboración con outras entidades e creación de redes e alianzas.
Unha base importante da Terapia do Reencontro é a facilitación de grupos de educación sociocomunitaria. Neles, a través dunha metodoloxía didáctico – vivencial, favorécese o autocoñecemento e o crecemento persoal a través da propia experiencia persoal e grupal. Nesta liña, ofrece tres obradoiros de base:
AUTOCOÑECEMENTO PARA O CAMBIO
Obradoiro dirixido ao reencontro da persoa consigo mesma a través da reconexión co corpo nas súas diferentes dimensións. Neste sentido, ofrece ferramentas para saber escoitarnos e aprender a manexarnos mellor, para recuperar e desenvolver a nosa autonomía persoal, e para alimentar o Botrato e o pracer nas nosas vidas.
VÍNCULOS AFECTIVOS PARA A CONVIVENCIA, A PROMOCIÓN DO BOTRATO E A PREVENCIÓN DA VIOLENCIA
Obradoiro dirixido a construír o Botrato como novo modelo e referente de relación no persoal, no relacional e no social. Abórdanse diferentes aspectos presentes na construcións dos vínculos: a sedución, os guións de vida, os modelos de relación, a fusión e a separación, a elaboración dos loitos… para pór consciencia en como nos colocamos nos vínculos (de parella, familiares, de amizade…) e en como queremos que sexan.
CAMBIOS, CRISES E LOITOS
Os momentos de crise e cambio abren procesos labirínticos que nos poden xerar moita confusión e desasosego. Este obradoiro ofrece ferramentas para aprender a comprender e transitar estes procesos acompañándonos e sendo as nosas mellores aliadas, e para desenvolver a nosa capacidade de transformación e resiliencia.