QUE É A TERAPIA DO REENCONTRO?

A Terapia de Reencontro é un enfoque humanista con perspectiva de xénero, creado nos anos 70 pola doutora Fina Sanz Ramón, psicoterapeuta, pedagoga e sexóloga valenciana con décadas de traballo terapéutico clínico e comunitario no Estado Español e en Latino América, fundamentalmente en México.

Concibe á persoa de xeito holístico e traballa con ela para a integración das súas múltiples dimensións: a dimensión corporal, emocional, mental, sexual, relacional, social e espiritual. Por iso incorpora enfoques de psicoloxía humanista, de sexoloxía e de educación para a saúde, con achegas doutras disciplinas e tradicións culturais, como as orientais.

Este modelo terapéutico chámase Terapia de Reencontro porque facilita:

O reencontro da persoa consigo mesma, para comprender as cousas que van ben na súa vida, e transformar as que lle mancan ou non lle gustan.

O reencontro da persoa como ser sexuado, abordando as dimensións feminina e masculina contruídas culturalmente polas sociedades de base patriarcal.

O reencontro entre mulleres, homes e identidades diversas desde unha comprensión dos conflitos xerados pola escisión de xénero e á procura duns vínculos de botrato.

O reencontro da persoa coas súas orixes, coa súa historia.

O reencontro entre culturas e entre pobos para enriquecernos coas diferenzas e crear unhas relacións de paz.

O reencontro da persoa coa terra, para reaprender a sentirnos parte dela e a relacionarnos con ela desde o respecto amoroso.