10 Set Pechar portas para abrir ventás…
Hoxe deixámosvos por aquí este cómic: A ventá que se abriu ao pechar a porta de Sofía Zaragoza. A autora preséntanos un proceso persoal de loito con todo o seu percorrido, todo o que sucede no corpo e na mente. Nas súas propias palabras conta como “ten sido moi incómodo e violento todo o que tiven que atravesar para sentir o amor deste xeito”.
Un sentimento de dó comeza por un desamor das miñas expectativas, sufro un chasco comigo mesma, unha frustración, unha perda. Isto eu non o esperaba… Eu pensaba que nos fariamos vellas xuntas, eu pensaba que o meu can morrería máis adiante… pero nun momento concreto, caenseme as expectativas. É un proceso de desamor comigo mesma. Sinto entón unha sensación de perda, como de baleiro. Ás veces nótase no peito, no estómago… neste baleiro se me libraron as miñas expectativas. Eu estaba chea, e, de repente, caenseme todas e síntome baleira.
Cando eu teño esa sensación de perda, teño unha experiencia de morte simbólica. Non é que eu morra, continúo facendo a miña vida, pero algo morre dentro de min, é unha experiencia de morte. Estou de loito, teño que elaborar o dó, si ou si, queira ou non queira.
A autora describe este proceso en sete fases: a ferida, atreverse a mirar esa ferida, a importancia das redes de apoio, a culpa e o perdón, coñecerse a unha mesma, o amor e a despedida… e, aínda que pareza estraño, un proceso de loito pode acabar en amor e agradecemento. Aínda que non todas as persoas podan chegar aí, é unha etapa, a do agradecemento, na que transformamos as aprendizaxes en sabedoría. Como eu xa estou noutro lugar, podo ver o que pasei desde a distancia. Podo ver por onde me fixo pasar a vida, recoñezo que o pasei mal, moi mal. Pero neste proceso, aprendín moito de min e o que puiden aprender o podo ensinar, o podo explicar e compartir, podo transmitilo a outras persoas. Así o fai a autora deste cómic, brindándornos a súa experiencia con moito amor e sabedoría.