Noelia Darriba García

Tiven a sorte de nacer e criarme en comunidade, coidada e arroupada pola seguridade e cariño da xente de Muimenta, no corazón da Terra Chá. Os ciclos da natureza, as herbas, a familia afectiva, o amor polos animais, as lendas, as ruadas, a morte, o compromiso co colectivo, o respecto polo que xa estaba antes ca min ou a loita polos recursos básicos sempre estiveron comigo. Co paso dos anos e transitando moitos lugares aprendín que ser e formar parte dese rural me aporta moita identidade, sendo o paradigma dende o que me abro ao mundo.

Iniciei os meus estudos académicos na Universidade de A Coruña cursando a Diplomatura de Educación Social, posteriormente combinei os estudos de Psicopedagoxía co Máster en Asesoramento e Orientación Familiar na Universidade de Santiago de Compostela, onde posteriormente acabei adquirindo o título de Terapeuta Familiar Sistémica. Nesa mesma universidade tamén fixen o Curso de Especialidade en Educación Emocional e voltando á UDC cursei o Máster Universitario en Profesorado de Educación Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas. Curiosa e crítica de nacemento, sempre na procura de comprender e descubrir o complexo das persoa, fixen outras moitas formación non académicas pero si máis vivenciais e, sobre todo, con metodoloxías transformadoras como foron a Diplomatura de Transformación de Conflitos a través do Xogo e a Arte, Educación Menstrual e Xinecoloxía Autoxestiva, Sexualidade e Mindfullness, Prácticas Restaurativas, Acompañamento Emocional a través de libros ilustrados e un longo etc.

Aventureime na Terapia do Reecontro nunha busca de transformación persoal e necesidade profesional de achegarme a un marco teórico humanista e con perspectiva de xénero. Esta formación aportoume unha ollada holística cara as persoas e cara o mundo que habitamos, o que me da unha gran perspectiva para acompañar desde unha mirada compasiva e coidadosa, pero sobre todo, tamén me axuda a non perderme, a parar e aprender a estar no adentro conectándome co pracer e a saúde, a coidarme para poder estar en armonía co afora.

Creo no colectivo e nos movementos sociais como canles de crecemento e transformación das realidades, por iso formo parte de diferentes proxectos como Fiadeiras (Grupo de Feminismos do Colexio de Educadores e Educadoras Sociais de Galicia), XOTRAMU e Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, Aselafem (Estudos Laborais Feministas) ou da ONG Implicadas no Desenvolvemento. Enrédome e nútrome do dinamismo e creatividade da xente de Muimenta facendo posible organizar diferentes manifestacións culturais e artísticas como o festival POZOMOURO.

Son socia traballadora da cooperativa AtalaiAS xunto con Raquel Veiga. A miña vida profesional está vinculada á creación de proxectos sociais e educativos encamiñados a fomentar o botrato tanto nas relacións coas demais persoas, como cara nós mesmas. É dicir, buscando estratexias individuais e colectivas que transforme a sociedade cara un modelo de relación máis xusto e igualitario. Se queres saber un pouco máis do que fago visita: www.atalaias.gal

En definitiva, síntome como o carballo de Morán, moi enraizada á terra e coa cabeza nas pólas cheas de páxaros libres e diversos que van pero sempre volven.

Lara Barros Alfaro

Lara Barros Alfaro

Montserrat Buxán Bran

Montserrat Buxán Bran

Tareixa Ledo Regal

Tareixa Ledo Regal

Berta Vega Villaamil

Berta Vega Villaamil

Olalla Villaronga Seoane

Olalla Villaronga Seoane