Contacto: larabarros@mulime.com
Lembro que me atrae a historia dende que son pequena; gustábame ler e aprender sobre as sociedades antigas, a súas manifestacións arqueolóxicas, as súas mitoloxías… Penso que, de fondo, o meu pracer estaba na observacións dos procesos sociais, humanos, e en como construían os seus propios relatos e sistemas de crenzas. A miña formación académica seguiu nesa dirección.
Conectei coa Terapia do Reencontro por primeira vez no ano 2009 a través dun obradoiro facilitado pola compañeira e mestra Tareixa Ledo no marco do Sindicato Labrego Galego, organización na que traballei, aprendín e militei case por unha década. Logo viñeron novos obradoiros, procesos de acompañamento individual, e finalmente a formación completa en Terapia do Reencontro con Fina Sanz entre o 2017 e o 2021.
A Terapia do Reencontro foi abrindo en min un espazo novo de autocoñecemento, outra maneira de relacionarme comigo mesma e co mundo, un camiño de transformación e crecemento que segue a día de hoxe e que espero me acompañe ao longo da vida. Significou aprender a estar en min, a escoitarme e acompañarme dende o Botrato e o coidado; fíxome descubrir que o amor é, en primeira instancia, un lugar propio, e a relacionarme dende aí, procurando sempre o coidado e o Botrato coas demais persoas e o mundo; e, a día de hoxe, significa para min, sobre todo, un proxecto de amor para a transformación social.
Actualmente a miña práctica profesional está centrada na investigación histórica dirixida a comunidades de montes veciñais en man común, a través do proxecto Mulime, o monte ten memoria. Esta iniciativa veu a luz no 2018 e concibe a memoria como materia coa que nutrir o común e o colectivo, facendo dela tamén un espazo de reencontro e transformación. A maneira en como nos vinculamos co territorio ao longo do tempo, cos seus cambios e permanencias, paréceme unha clave importante para entendernos no presente e construírnos cara o futuro.
De forma paralela, dende o 2021 facilitei varios obradoiros en Terapia do Reencontro, dirixidos fundamentalmente a mulleres. A través deles, seguín aprendendo e medrando, e con esa vontade e desexo sigo nese camiño, ofrecendo obradoiros e espazos comunitarios de base para desenvolver o Botrato en todas a súas dimensións.