10 Abr Cando o legado se volve camiño: Saúde, pracer, terra e república en malva
Coñecedes este marabillo proxecto? Compartimos con moita alegría e emoción este proxecto realizado polo colectivo Utopías Feministas arredor da figura de Lola Ferreiro Díaz, que deu como resultado a creación da web narepublicaenmalva.gal.
Para moitas de nós, Lola é moito máis ca unha pensadora ou unha activista de referencia. É tamén unha compañeira coa que moitas de nós tivemos a sorte de compartir espazos de formación, de activismos, de coidado e de vida. O seu “bindisi” —saúde, pracer, república e terra en malva—, segue a resoar con forza hoxe. Nun tempo marcado polo individualismo e a aceleración, este legado de Lola lémbranos a importancia de ir ao colectivo, de poñer o corpo e o desexo no centro, de pensar a saúde máis alá do individual e de ligala á xustiza social, á memoria e á terra.
Neste sentido, sentimos que o compartido por Lola Ferreiro dialoga profundamente cos valores da Terapia do Reencontro. A súa mirada sobre os vínculos e o coidado conecta cunha ética relacional que tamén nós defendemos: non hai neutralidade posible nas relacións. Como ela mesma sinala en Machismos de Micro nada (Fiadeiras, 2015) «o maltrato comeza cando remata o bo trato. Non hai situacións de neutralidade. Se hai trato, ou é bo ou é malo». Unha afirmación clara e contundente que nos interpela e que entronca directamente co noso compromiso co botrato, coa consciencia e coa responsabilidade afectiva.
Por iso, celebramos especialmente este proxecto colectivo que recolle, coida e proxecta o seu legado. A web narepublicaenmalva.gal é moito máis ca un arquivo: é un espazo vivo onde volver, onde atopar palabras e intuicións que nos acompañan, onde recoñecernos tamén como parte dunha historia común. Agradecemos profundamente o traballo de Utopías Feministas por facer posible esta iniciativa, por contribuír á visibilización do pensamento de Lola Ferreiro Díaz e por manter acesa a súa luz en malva.
Oxalá esta web sexa tamén unha porta de entrada para novas xeracións, unha invitación a seguir pensando, sentindo e construíndo colectivamente outros xeitos de vivir, de coidar e de habitar a terra.
Porque, dalgún xeito, todas seguimos estando —e facendo— na república en malva.