06 Out Cando o corpo fala: unha ollada desde a Terapia do Reencontro á serie RÉXIME
Dende a Terapia do Reencontro entendemos o corpo como un espazo de relación: non só físico, senón tamén social, sexual, emocional e de xénero. O corpo é a nosa primeira casa, pero tamén o lugar onde se inscriben as normas, os mandatos e as feridas. Nel gárdanse as mensaxes recibidas na infancia —o que é “correcto” ou “incorrecto”, o desexable e o prohibido, o que se espera de nós segundo o sexo co que nacemos—.
A través do corpo expresamos emocións, desexos, medos e, ás veces, o que non se puido dicir con palabras. Por iso, dende a TR traballamos en recoñecer cando o corpo é coidado e cando é descoidado, cando lle damos pracer e cando o controlamos ou negamos.
Neste sentido, a serie RÉXIME, producida por CRU Producións e dirixida por Bea Saiáns, conecta fondamente con esta mirada. Dispoñible en AGalega.gal desde o 1 de outubro, a miniserie —composta por tres episodios breves— aborda cuestións como a saúde, o desexo, o éxito e a recuperación fronte aos Trastornos da Conduta Alimentaria (TCA).
As voces participantes —entre elas Irene Blanco, campioa mundial de halterofilia; Andrea Núnes Brión, poeta e activista contra a gordofobia; ou Lucía Trigo, psicóloga especializada en TCA— achegan testemuños que falan de corpos reais, vulnerables, fortes, cansos, orgullosos… corpos que buscan reconciliarse consigo mesmos.
A serie mestura entrevistas e momentos culinarios, cunha estética pop e ritmo de videoclip, e a banda sonora orixinal de High Paw. Detrás desa aparencia lixeira latexa unha pregunta profunda: que relación temos co noso corpo e co control sobre el? Que pasa cando o coidado se converte en esixencia e o desexo en campo de batalla?
Bea Saiáns, a directora, di: “Interésanos falar do corpo porque o corpo cifra as mensaxes do que nos acontece ao redor e internamente. Non minte. Pero nós si mentimos. Para encaixar, para sentir control ou porque temos vergonza de que se descubran os nosos segredos de beleza, os nosos esforzos.”
Dende a Terapia do Reencontro, esta frase podería lerse como un convite a escoitar o corpo como linguaxe da alma. O corpo non minte: mostra o que a mente trata de ocultar. A fame, a tensión, o cansazo ou a dor son mensaxes que piden ser escoitadas. O traballo terapéutico consiste en volver a esa escoita, recoñecendo o aprendido e acompañando o corpo cara a unha nova relación dende a para o botrato.
RÉXIME ofrece, así, un espello colectivo onde mirar o noso propio “réxime”: o das dietas emocionais, o das obrigas, o da busca constante de aprobación. E tamén nos lembra que a recuperación comeza cando deixamos de controlar o corpo e comezamos a coidalo. Quizais esa sexa, tamén, a esencia da Terapia do Reencontro: volver a habitar o corpo como lugar de (re)encontro, non de loita.