Cando o amor nos afasta de nós: unha lectura de Comerás flores en clave de Reencontro

Desde a Terapia do Reencontro, Comerás flores convídanos a deter a mirada nun proceso moi humano: o momento no que, por necesidade de amor, pertenza ou recoñecemento, imos deixando en segundo plano o noso espazo persoal. A historia de Marina amosa como isto pode acontecer de forma silenciosa, sen grandes sinais de alarma, ata que un día sentimos que xa non sabemos ben quen somos fóra da relación.

En clave TR, o libro permítenos observar con claridade a que nos referimos cando falamos de espazo persoal e de como nos vinculamos. A través da relación de parella que se describe na novela, aparece de maneira moi nítida o que, desde a teoría dos círculos de amor concéntricos, entendemos como modelo de inclusión.

Este modelo podería representarse cun círculo grande que contén outro máis pequeno. O círculo pequeno representa a unha persoa que se adapta á vida da outra, asumindo as súas afeccións, intereses, tempos e prioridades. Deste xeito, vai deixando á marxe o seu propio espazo persoal, mentres que a relación de parella ocupa o centro. Como consecuencia, outras relacións fundamentais —a amizade, a familia, os proxectos propios, a relación cunha mesma— quedan desprazadas. Este desequilibrio empobrece o sistema relacional no seu conxunto e favorece relacións de poder dunha persoa sobre a outra, así como dinámicas de dependencia emocional. Non porque amar sexa perigoso, senón porque amar sen sosterse a unha mesma pode levar á perda de identidade.

A novela fala tamén, aínda que de maneira implícita, da necesidade do reencontro: reencontro coa propia voz, co corpo que sente, cos límites que protexen e cos vínculos que si nutren. Desde esta perspectiva, Comerás flores pode ser lido como un camiño de toma de conciencia, no que a dor funciona como mensaxe e como oportunidade para revisar como nos estamos colocando nas relacións.

Así, este libro convértese nunha ferramenta valiosa para reflexionar —tanto a nivel persoal como terapéutico— sobre como construímos os nosos vínculos, que lugar nos damos neles e que sinais nos indican que é tempo de volver ao centro. Porque só cando habitamos o noso espazo persoal con presenza e botrato, podemos crear relacións verdadeiramente sas e igualitarias con respectos ás diferenzas.