Contacto: vegaberta@gmail.com
Veño dunha familia moi diversa na que son a única galega. Miña nai é vasca, meu pai castellano e meu irmán cántabro, xuntáronse en Ourense para facer camiño, nacín eu e aquí quedamos.
Cóntovos algo do meu espazo persoal, gústame moito a Natureza, axúdame a colocar todo aquelo que me ocupa e me preocupa. É unha grande aliada para min. Outra sería a música, escoitala e danzala. Tamén o deporte, axúdame a soltar e a baleirar para poder seguir medrando, sostendo e sosténdome. Por último, outra das miñas grandes aliadas é a miña familia afectiva que me acompaña e me nutre cada día.
No meu espazo profesional son pedagoga, sexóloga e terapeuta do reencontro e levo uns anos nun camiño ben fermoso que é a terapia centrada na compaixón.
No 2011, cursando un mestrado de sexoloxía coa Sexpol, tiven a sorte de coñecer a Fina Sanz. Foi nese momento no que resolvín que quería formarme na Terapia de Reencontro. A verdade é que non me equivoquei. Fixen un proceso persoal revolucionario para min, onde entendín que o botrato, o autocoidado e o coidado mutuo, comezarían a ser o meu centro, un lugar desde onde habitar o mundo. Foi entón cando decidín ser transmisora desta perspectiva tan marabillosa e así poder achegala a outras persoas.
Levo 17 anos acompañando a persoas desde distintos ámbitos: vivendas tuteladas de menores, centro de educación afectivo sexual, institutos, asociacións de mulleres, etc. e é algo que me apaixona, aprendo moito.
Actualmente son autónoma e teño a sorte de compartir espazo cunhas mulleres marabillosas que me aportan e nutren moitísimo, dúas terapeutas, unha profesora de ioga e unha fisioterapeuta. Fago acompañamento terapéutico principalmente desde esta metodoloxía da Terapia do Reencontro, achegando ás persoas a escoitar o seu corpo e poder comprendelo. As acompaño no seu proceso individual e de parella, así como tamén facilito espazos grupais.
O que eu ofrezo é un acompañamento consciente e respectuoso, nun espazo de seguranza e botrato desde unha escoita co corazón. Intento facer a menor intervención posible, a persoa é a protagonista do seu proceso transformador, ela marca o seu ritmo e eu acompáñoa neste camiño.